18 de agosto de 2011

Intervención Artística no monte ( R.valorización do monte )


No monte comunal da Parroquia de Achas (A Cañiza), ao carón da Cidade Celta, na antiga zona de cultivos do poboado, está a crecer un novo bosque de carballos. O monte comunal ten unha superficie aproximada de 50.000m2 e a zona de intervención é duns 10.000m2.

Neste espazo preténdese recuperar o bosque autóctono e autoprotexido contra incendios (simplemente por estar formado por frondosas que manteñen o chan húmido e fértil). Para acadalo vémonos obrigados a limpar a maleza a fin de dar tempo ás árbores a desenvolverse e proxectar a suficiente sombra que impida a ésta aporderarse do entorno.

O bosque está composto de árbores xóvenes de diversas clases (maioritariamente carballos) e piñeiros. É necesaria a eliminación de bastantes piñeiros que medran agrupados entre eles e entre os carballos, de xeito que, eliminando estes piñeiros, damos espazo para o desenvolvemento axeitado doutros piñeiros e, sobre todo, da flora autóctona.

En canto aos arbustos, respectaremos ao máximo carqueixas, escarabuñeiros e outras especies en perigo. Plantexamos unha drástica redución nesta zona de silvas, toxos e fentos, sen outro motivo que o de dar espazo para o desenvolvemento de arbustos en extinción.

Ademáis da limpeza e recuperación do bosque autóctono, propoñemos unha intervención artística libre, pero respectuosa ao máximo co medio ambiente, non puidendo utilizarse plásticos, pinturas acrílicas, metais ou calquera outro material non natural, ademáis de que non ha de supor perigo ningún para os animais.

As intervencións co son deben adecuarse a este criterio, polo tanto non deben supoñer unha alteración do entorno acústico da zona.

Ao ser un espazo aberto a calquera intervención, unha nova intervención debe respectar as anteriores e, no posible, complementalas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario