30 de septiembre de 2011

Unha tarde no monte

Foi a primeiros de setembro, unha tarde de domingo. Nada mellor que un paseo polo monte despois dun bo cocido. Estivemos por aquí.

É unha parcela do monte comunal das Achas, hai piñeiros, carballos e monte baixo. Cando chegamos,  atopámolo distinto  dende a última vez que andaramos por alí. Alguén comezara a limpalo; restos de madeira que antes entorpecían o crecemento dos pequenos carballos estaban agora apilados. Non moi lonxe unha pequena morea de lixo, material inorgánico listo para ser recollido.

É unha zona pedregosa, as árbores comparten espacio con grandes rochas graníticas que se elevan sobre o terreo permitíndonos admirar a paisaxe. Os fentos medran entre as carqueixas e as piñas de tódolos tamaños. Pequenas flores azuis agroman entre fiunchos dunha cor verde intenso. Distintas clases de  liques verdes, laranxas e amarelos colonizan as pedras e as codias de piñeiros e carballos. Os eucaliptos, como non, tamén están presentes.  Despois dunha primeira ollada ó  espacio e ós  materiais dos que disponiamos,  cada un de nós atopou un rincón agradable e comezou a xogar.

Agochado entre as rochas xurdiu o que podería ser a guarida dalgún pequeno animal.



Construido con pequenas pólas secas, un buraco convida a chegar o ollo. Coidado! O equilibrio é parte fundamental desta obra efémera e redonda.




Pola outra cara do outeiro que acolle esta pequena construcción discorre un río de piñas. Sí, sí, piñas arrastradas por vai ti saber que corrente telúrica nacen entre as pedras, descenden desaparecendo un intre pra volver a discorrer con forza cara o chan. 














O nacemento deste singular río está coroado por crestas douradas iluminadas polo sol. 






 Hai que ir indo, que nos vai coller a noite.
Un momento, hai dous que quedaron atrás. Aquí están, enredados na súa arañeira.


Pasamos unha boa tarde. Non volvemos ao lugar dende aquela. Non sabemos como estarán agora as nosas "pequenas obras de arte". Se calquera día destes vos peta, podedes ir por alí, completalas ou comezar outras. Animámosvos a que gocedes cos montes da comarca. Sempre actuando con respeto, con materiais que non danen o entorno e deixando o lugar en mellores condicións que o atopastes. Polas nosas cabezas andan a bulir proxectos relacionados coa posta en valor dos montes comunais da Paradanta. Ademais de intervencións artísticas queremos recuperar topónimos, carreiros-agora comidos pola maleza-, muíños en desuso... Calquera proposta é ben recibida. Estade atentos a este blog máis ó http://www.facebook.com/agoracaniza
Próximamente organizaremos unha comida no monte para falar tranquilamente debaixo dun carballo.

27 de septiembre de 2011

Crónica dun día de feirante


O pasado dia 20 de setembro, un colega e máis eu decidimos montar un posto na feira, a idea era vender as primeiras castañas da tempada.

O traballo foi fácil; fumos o día anterior a recollelas a un monte que ten o meu pai con castiñeiras. Había tal morea delas que apenas custou unha hora apañar un cesto (uns 20 kilos).

Ó principio non as tiñamos todas con nós á hora de montar o posto, non sabiamos ben onde poñelo, ou se nos poderían chamar a atención, algun veciño ou mesmo calquera outro feirante… Pero todo resultou perfecto. Con moita naturalidade; natural como o simple feito de ir feirar, de ir vender o que dalgún xeito “nos sobra”.

Vendemos dúas clases de castañas. Unha era unha mestura de diferentes especies; “castaña común” (a autóctona de aquí) e a chamada “castaña americana”, que son de gran tamaño e moi vistosas.  A outra calidade era a “castaña doce”, que son dun tamaño inferior á castaña común, pero máis doces e saborosas.


As nosas castañas ían acompañadas dun papeliño con información das propiedades deste froito (que non son poucas) así como a receita dunha tarta de castañas (similar a famosa tarta de Santiago, pero no lugar de améndoas utiliza castañas, que é o que realmente temos aquí).

O lugar para montar o noso posto foi fácil de decidir, xa que a pesar de haber 2 sitios onde se concentran os feirantes só un representa o que é a feira. Consideramos que o que acontece na praza maior do pobo os días 6 e 20 de cada mes non é mais que un mercado de roupa, que non esta de mais pero que nada ten que ver coas feiras tradicionais. Así que optamos pola “placita” do peixe. A verdade e que vemos a feira de hoxe en día bastante patética, apenas hai postos, de feito contanse cos dedos da man (a tetilleira/panadeira, a churrera, a froitera e un posto de prantas para a horta… fin).

É certo que agora moi pouca xente acude á feira da Cañiza, pero para ser sinceros, non hai ningún pretexto para ir. Salvo polos pulpeiros, A Cañiza e igual un día de feira que outro calquera.

Despois desta experiencia e de observar o que acontecía nese dia, non deixamos de preguntarnos “por qué”, por qué ninguén vai vender se estamos rodeados de deceas de productos ó noso redor que se botan a perder… de feito pregúntome por que eu mesma non o fixera antes… ¿será por falta de tempo?¿será porque quizais o rendemento económico non cumpla “certas” expectativas? ¿será porque en realidade preferimos que o que temos a redor se bote a perder e despois ir  a supermercados e grandes superficies  a comprar os mesmos productos cunha MOI dudosa calidade?

En serio, reflexionemos. De feito agradeceria que calquera que lea isto aporte os seus motivos.


Eu teño unha teoria que quizais sexa unha parvada. Creo que a orixe da “feira” tradicional parte de tempos moi pobres, de moita necesidade ou incluso miseria. Mesmo a miña avoa paterna subía a pé ate A Cañiza portando ovos e mazáns, para poder trocalas por feixóns ou, co que sacaba, poder mercar aceite ou café; era unha cuestion de necesidade (nalgúns casos de moita). Creo que ese feito fainos un pouco pequenos, acomplexanos dalgún xeito. Que enseguida se asocia unha cousa ca outra. Non sei, insisto en que todo isto e unha simple opinión (que o mesmo tempo nos encantaria que se revatise ou abrise certo debate).

Pero o certo é que as nosas necesidades foron cambiando dende entón, ou millor dito a maneira de administrar as nosas necesidades foi o que realmente cambiou. E a nosa feira, en vez de ir cambiando e evolucionando co tempo, simplemente quedou obsoleta. Antes facíase por necesidade, para vivir diso. Creo que hoxe deberiamos cambiar ese “vivir diso” por un “vivir MILLOR con iso”. É unha simple cuestion de coherencia con nos mesmos e sobre todo co lugar onde vivimos.

Todos poderiamos potenciar este pequeño xesto. E certo que a veces estamos á espera de ver o que se pode facer ou non, quizáis agardando permisos ou regulamentos; de feito penso que sería importante que o concello botara, xa non unha man, senon os dous brazos e a cabeza para incitar a xente a recuperar esta actividade beneficiosa en todolos sentidos. Pero o máis importante de todo e a VONTADE que teñamos de facer as cousas. Da igual que nun momento dado nos poñan tódalas facilidades do mundo… Se non temos vontade, non temos nada.

A nivel persoal, foi moi enriquecedor. Ainda que o principio alguns compañeiros e veciños se achegaron con certa “mofa”, a final da xornada eramos nós os que tiñamos cara de “mofa” jaja.

Para nos foi un pracer compartir ca xente, e ver a feira dende dentro.


Como dato quero aportar que a froitera/verduleira vendeu mogollon de tomates, pementos, xudias, patacas E TAMÉN CASTAÑAS. E vendeunas todas, a pesar de que lle montamos enfronte. Ousexa, que nin sequera fumos competencia.

Que tal se nos paramos a pensar que é o que podemos ir vender a próximas feiras…. Mmmm agora é o tempo do membrillo, das noces, mel, augardente…..

Como son bastante dada a repetir citas ou ditos doutra xente, deixovos aquí unha moi adecuada neste caso. É unha reflexion dun señor americano  escritor, filosofo e poeta que se chamaba Ralph Emerson e dicia .”O éxito consiste en obter o que se desexa. A felicidade, en gozar  o que se obtén”.

4 de septiembre de 2011

Resumo pleno 26-08-2011 e suxestións de AGORA


ÁGORA informa: que o pasado venres 26 de agosto de 2011, as 9,00h, celebrouse un Pleno ordinario no Salón de Plenos do Concello de A Cañiza, coa asistencia de todos os membros da Corporación local.

Tratáronse, entre outros, os seguintes temas:
  • Aprobación inicial de expediente de modificación de créditos – crédito extraordinario, para facer frente ao pago dunha factura pendente dende o ano 2007 á entidade mercantil COVSA, que se encargou da realización das obras de pavimentación do acceso ao campo de fútbol e o seu entorno. A oposición manifesta que entende as razóns técnicas para a aprobación deste expediente, pero non as políticas, toda vez que en ningún momento se da razón pola que a dita factura non foi abonada no ano presupuestario correspondente á realización das obras que ademáis xa foran recepcionadas polo Concello. Finalmente este punto apróbase cos votos favorables do grupo de goberno.
  • Aprobación de suplementos de crédito para facer frente aos pagos en concepto de productividade dos traballadores municipais, así como a outros gastos (luz, ximnasio, biblioteca...), facendo uso do remanente de tesorería para gastos xerais.
  • Aprobación de expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos, modificando partidas presupuestarias, por importe de 7.156,72€, para facer frente ao pago de facturas do ano 2010 en concepto de suministros de bens e prestación de servizos, xa que non hai crédito no orzamento do ano 2011 para débedas contraídas en exercicios anteriores.
  • Convenio ORAL (Impuesto Trac.vehículos vía telemática.). Este punto xa foi tratado no Pleno celebrado en data 14/07/2011, entonces non foi aprobado polos votos en contra do grupo PSOE. Nesta ocasión o grupo socialista manifesta ter estudiado máis detenidamente o expediente e vota a favor. Este punto é aprobado por unanimidade.
  • Festivos locais: quedan establecidos como festivos locais o día 28/05/2010 “Pascuillas” e o día 15/07/2010 “Sta. Teresa”. Este punto é aprobado por unanimidade.
  • Proposta de Alcaldía para nomear unha vocalía no ámbito do Consello territorial de Pontevedra, propoñendo ao Concello de Valga.
  • Dase conta da liquidación do exercicio 2010.
  • Dentro dos asuntos que poidan ser declarados de urxencia, preséntase unha moción do grupo popular para o apoio ao mantemento do servizo de ambulancias nocturnas en Ponteareas. Apróbase por unanimidade a inclusión desta moción no Pleno.
  • O turno de rogos e preguntas adicouse á contestar ás preguntas que o grupo socialista presentara no día anterior, así como ás que formulou no Pleno. Finalmente, derivouse a unha disputa política centrada en temas electoralistas e partidistas que, dende o noso punto de vista, nada teñen que ver cos problemas veciñais nin cos seus intereses.

ÁGORA non entende cómo ninguén mencionou o problema de falta de abastecemento de auga que está a padecer agora mesmo o municipio e que constitúe un dos problemas que máis afectan a data de hoxe aos veciños.

ÁGORA solicita:
  • O cambio de hora de celebración dos Plenos. Apelamos á condición dos cargos políticos como servidores públicos e, polo tanto, co fin de garantir o dereito de todos os veciños a asistir ao Pleno, solicitamos se fixe unha hora que non interfira coas xornadas laborais dos veciños para fomentar unha maior participación destes nas decisións que se adoptan por parte do goberno municipal, xa que somos nos principais afectados e beneficiarios de todas as decisións que se adopten no Concello. E apelamos, asimesmo, ao cumprimento do disposto no artigo 69 da vixente Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local: “As Corporacións locais facilitarán a máis amplia información sobre a súa actividade e a participación de todos os cidadáns na vida local.”
  • Que os diferentes grupos integrantes da Corporación municipal utilicen o Pleno para tratar únicamente cuestións que afectan aos veciños, e non como cancha na que despachar os seus problemas de partido ou as súas rencillas políticas que non son de interés público, senón persoal de quen os plantexa. Reinvindicamos que o Pleno sexa un espazo adicado únicamente aos intereses dos veciños.
  • Que se elabore un Regulamento para o Pleno no que se recolla a posibilidade de que os veciños teñan voz ao final do mesmo, dun xeito organizado, por colectivos, e coa regulamentación que o Concello estime máis convinte para acadar un desenvolvemento ordenado do Pleno. Mencionamos neste punto o disposto no artigo 70 bis da mencionada Lei 7/1985: “Os concellos deberán establecer e regular en normas de carácter orgánico procedementos e órganos axeitados para a efectiva participación dos veciños nos asuntos da vida pública local, tanto no ámbito do municipio no seu conxunto como no dos distritos, no suposto de que existan no municipio ditas divisións territoriais.”
    No entanto, en ausencia deste Reglamento, solicitamos a aplicación do artigo 88 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Reglamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades Locais, dispón no seu punto 3 o seguinte: “O público asistente ás sesións non poderá intervir nestas, nin tampouco poderán permitirse manifestacións de agrado ou desagrado, puidendo o Presidente proceder, en casos extremos, á expulsión do asistente que por calquera causa impida o normal desenvolvemento da sesión. Sen prexuizo delo, unha vez levantada a sesión, a Corporación pode establecer un turno de consultas polo público asistente sobre temas concretos de interés municipal.”