30 de septiembre de 2011

Unha tarde no monte

Foi a primeiros de setembro, unha tarde de domingo. Nada mellor que un paseo polo monte despois dun bo cocido. Estivemos por aquí.

É unha parcela do monte comunal das Achas, hai piñeiros, carballos e monte baixo. Cando chegamos,  atopámolo distinto  dende a última vez que andaramos por alí. Alguén comezara a limpalo; restos de madeira que antes entorpecían o crecemento dos pequenos carballos estaban agora apilados. Non moi lonxe unha pequena morea de lixo, material inorgánico listo para ser recollido.

É unha zona pedregosa, as árbores comparten espacio con grandes rochas graníticas que se elevan sobre o terreo permitíndonos admirar a paisaxe. Os fentos medran entre as carqueixas e as piñas de tódolos tamaños. Pequenas flores azuis agroman entre fiunchos dunha cor verde intenso. Distintas clases de  liques verdes, laranxas e amarelos colonizan as pedras e as codias de piñeiros e carballos. Os eucaliptos, como non, tamén están presentes.  Despois dunha primeira ollada ó  espacio e ós  materiais dos que disponiamos,  cada un de nós atopou un rincón agradable e comezou a xogar.

Agochado entre as rochas xurdiu o que podería ser a guarida dalgún pequeno animal.



Construido con pequenas pólas secas, un buraco convida a chegar o ollo. Coidado! O equilibrio é parte fundamental desta obra efémera e redonda.




Pola outra cara do outeiro que acolle esta pequena construcción discorre un río de piñas. Sí, sí, piñas arrastradas por vai ti saber que corrente telúrica nacen entre as pedras, descenden desaparecendo un intre pra volver a discorrer con forza cara o chan. 














O nacemento deste singular río está coroado por crestas douradas iluminadas polo sol. 






 Hai que ir indo, que nos vai coller a noite.
Un momento, hai dous que quedaron atrás. Aquí están, enredados na súa arañeira.


Pasamos unha boa tarde. Non volvemos ao lugar dende aquela. Non sabemos como estarán agora as nosas "pequenas obras de arte". Se calquera día destes vos peta, podedes ir por alí, completalas ou comezar outras. Animámosvos a que gocedes cos montes da comarca. Sempre actuando con respeto, con materiais que non danen o entorno e deixando o lugar en mellores condicións que o atopastes. Polas nosas cabezas andan a bulir proxectos relacionados coa posta en valor dos montes comunais da Paradanta. Ademais de intervencións artísticas queremos recuperar topónimos, carreiros-agora comidos pola maleza-, muíños en desuso... Calquera proposta é ben recibida. Estade atentos a este blog máis ó http://www.facebook.com/agoracaniza
Próximamente organizaremos unha comida no monte para falar tranquilamente debaixo dun carballo.

2 comentarios:

  1. ¡Que bueno! Yo también quiero hacer algo, pero el que? EL QUE?

    ¡¡¡ Inspiración donde estas !!!!

    ResponderEliminar
  2. O mellor está por chegar. Cando o monte se vaia apropiando destas expresións creativas e as re-integre na paisaxe xa non serán efímeras. Aínda que nós non as vexamos, estarán presentes.

    ResponderEliminar